Monday 06 de May de 2024

Cheo total na presentación do libro CD Gravacións musicais en Galiza 1964-1968


O acto tivo lugar esta tarde na biblioteca municipal de Ordes, no que ademais dos autores e do editor interviu o propio Gustav Henningsen, investigador e antropólogo autor das fotografías e gravacións presentes na obra

Esta tarde a biblioteca de Ordes abriu as súas portas para acoller a presentación do libro CD Gravacións musicais en Galicia 1964-1968. O númeroso público alí congregado, entre o que se encontraba a concelleira Susana García, encheu a sala principal e tivo o privilexio de escoitar de primeira man as reflexións e explicacións sobre o valor e importancia desta obra da boca dos seus autores, Xavier Groba e Sergio de la Ossa, musicólogo e etnomusicólogo respectivamente.

Pero sen dúbida o momento máis destacado chegou cando o investigador e antropólogo Gustav Henningsen, artífice das gravacións musicais e fotografías que se recollen na obra, comezou o seu relatorio. Entre outros aspectos falou da súa chegada a Ordes e do “bo trato recibido pola xente do lugar”. Tamén de como a través da realización de fotografías foi “poco a pouco gañándose a confianza de moitas das xentes que aparecen neste traballo”

Tal e como destacaron os autores e Ramón Pinheiro, editor do libro tamén presente no acto, “o material recopilado por Gustav Henningsen é un verdadeiro e importante tesouro”. Un legado custodiado a día de hoxe no Museo do Pobo Galego entre outras entidades culturais e lingüísticas galegas. Concretamente o libro contén máis de 70 minutos de música selecccionados dun total de máis de 10 horas de gravacións realizadas en diversos lugares de Galicia, entre eles o municipio de Ordes. En total son 38 composicións orixinais entre as que hai xotas, cantos, toques de ánimas ou cornas, coplas, muiñeiras, tonadas, romances, recitados, cantares de reis, regueifas, cantos grupais etc. Ademais de partituras e letras das pezas o libro ofrece tamén unha colección de fotografías antigas dos lugares nos que Henningsen levou a cabo o seu labor investigador, así como explicacións e notas extraídas dos seus cadernos de campo.

Compañeira na vida e no traballo
Outro dos momentos máis sinalados da tarde de hoxe foi cando a súa dona e compañeira de traballo durante tantos e tantos anos, Marisa Rey, se uniu á mesa para contar a súa experiencia e vivencias. Non faltaron as anécdotas, como cando a curandeira de Cangas asegurou que estaban embruxados e o xeito no que lles foi sacado do corpo o embruxamento no altar maior da igrexa de Padrón.

Cómpre sinalar a ligadura de Gustav Henningsen coa comarca ordense, da que recentemente publicou un libro de fotografías baixo o título Galicia Máxica, reportaxe dun mundo desaparecido. Nel podíanse ver os distintos rituais, crenzas, supersticións e escenas da vida diaria labrega da comarca de Ordes, captadas pola súa cámara entre os anos 1965 e 1968. Un traballo que tamén se puido contemplar na mostra fotográfica que albergou tanto o Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) como o Museo do Traxe (Ordes).

Para finalizar concluír a pesentación nada mellor que música. Carme da Pontragha e Ariel Ninas, coa súa zanfona, foron os encargados de entonar pezas tradicionais, algunha delas adaptacións das cancións que aparecen no libro. Este puido ser editado grazas ao traballo conxunto do Concello de Ordes, a Central Folque e a Deputación da Coruña.